“O que máis importa no ictus é o tempo. O tecido cerebral deteriórase moi rápido e cando está lesionado, pouco máis se pode facer”, asevera Francisco Campos, coordinador do grupo Ictus Traslacional (TREAT) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O científico indica que as taxas de mortalidade están diminuíndo grazas aos avances nas terapias recanalizadoras. Pola contra, a morbilidade aumenta. É dicir, moitos pacientes quedan con secuelas e teñen unha importante deterioración funcional. Co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, o grupo TREAT leva anos traballando nun fármaco capaz de reducir a lesión cerebral causada polo ictus. Os seus resultados en animais realizados pola investigadora María Pérez demostraron que se trata dun medicamento eficaz e seguro.
Este avance é especialmente significativo para Galicia, un territorio con altas taxas de envellecemento, un dos principais factores para sufrir un ictus, xunto á hipertensión, a obesidade e, en xeral, un risco incrementado en moitos casos por hábitos de vida pouco saudables como o consumo de tabaco e a vida sedentaria.
https://www.gciencia.com/investigacion/cientificos-galegos-avanzan-nun-farmaco-para-reducir-a-lesion-cerebral-causada-polo-ictus/?sfnsn=scwspwa: Científicos galegos avanzan nun fármaco para reducir a lesión cerebral causada polo ictus

